lunes, 31 de enero de 2011

MOTIVOS (I)




Destilada no aire
unha rama de mimosas
borda o meu vestido
Entre plásticos agardando
as mans somnámbulas
tinguen douradas colchas de liño

lunes, 24 de enero de 2011

8 ESCENAS

Os guións escénicos teñen algo de código “absurdo”… máis debaixo do enunciado late intensamente a dramaturxia da peza. Todos os elementos, as dinámicas, os movementos e os ritmos, os desprazamentos, os cambios de nivel , as intencións e o texto… todo o que escollemos nos primeiros ensaios concéntrase nun esquema, nun mínimo resumo, unhas poucas palabras que nos guían dentro da liña coa que intentaremos chegar ó espectador.

8 escenas para Aneis:

1. As personaxes das perchas e dos plásticos.
2. Botalas flores.
3. O solo das mimosas
4. O bolero.
5. O corredor das conservas.
6. Os tacóns.
7. O meu vestido o texto.
8. Os aneis.

domingo, 23 de enero de 2011

CONSERVAS


As mimosas envasadas… tiralas, collelas, adornarme con elas, as pernas, os ollos, o pelo, enterrarme, logo cambialas de lugar, fumalas, pisalas, ulilas… Nos botes de cristal toda a memoria en conserva, adornada, engrandecida. Lonxe do cotián os nosos segredos en conserva…
Dormen os segredos
no aire das acacias ...

viernes, 7 de enero de 2011

OS CORREDORES DE WONG KAR WAI

A fascinación polos espazos da memoria, pola imposibilidade de retroceder e a necesidade de avanzar, polas paredes estreitas e asfixantes, polo tempo lento do que quedou para sempre atrás… todo isto e moito máis reiníciase cando nos deslizamos por eles. Os corredores e os boleros son unha constate vital e unha fortísima referencia cinematográfica do meu filme favorito e máis coreográfico : In the mood of love

¿Pero como se bailaban os boleros?
¿Cómo deslizarnos polos salóns destruídos de Sudamérica?
¿Como seguir aqueles pasos polos corredores chineses nunha
/das películas de Wong Kar Wai?*

miércoles, 5 de enero de 2011

A MEMORIA DOS MOVEMENTOS

Non é sinxelo escoller e fixar os movementos. Suceden e inmediatamente temos que repetilos. Hai bailaríns que poden repetir un movemento sen esquecer ningún matiz. Incluso hai algúns que recuperan frases enteiras de pezas que non bailan hai anos. Estes posúen unha memoria semellante á fotográfica dos que xamais esquecen as palabras. Outros temos que escoitalos, fragmentalos e recuperalos en sucesivas repeticións para evitar que desaparezan.
A composición dunha frase coreográfica seméllase á escritura dun poema. Máis a composición textual permanece nas diferentes variantes documentadas e a danza é un acto único, dela só quedarán fragmentos nun esquema de movementos fieis ó primeiro impulso improvisado.

martes, 4 de enero de 2011

PRIMEIRO ENSAIO

Onte, no primeiro ensaio, comezamos co recoñecemento dos materiais e dos obxectos: manipulamos uns tacóns, probamos o vestido, consideramos diferentes tratamentos para as flores e iniciamos os primeiros pasos dun bolero.
Todas estas accións descansan na esencia da proposta - no centro dos Aneis - agóchanse nos diferentes bloques da dramaturxia. Este é o intre para entrar con total liberdade, descubrir os movementos e as imaxes simbólicas que veñen do poema e son o motor creativo da peza.


Eles agardan Miran sen rozarnos Avisan:
Inhalais el laurel que aromatiza solo después de marchitarse
Sodes somnámbulos bailando boleros...
Imaxe de Iria Pinheiro e fragmento do Aire das acacias*

lunes, 3 de enero de 2011

NO INICIO

Moito antes do primeiro ensaio existe todo o que descubriremos lentamente. Oculto no poema, revélase na dramaturxia e fíxase nos primeiros movementos. Como trasladar un poema a unha proposta escénica, como superpoñer unha capa sobre outra, como afondar nunha mirada antiga dun mundo de palabras perdidas?
Como entrar outra vez cos ollos pechados?



Unha astilla incrustada recorda
os novos aneis da acacia
que ó abrigo do nordés arquea
os dedos e percorre ríos subterráneos
Debuxo de Anxo Pastor e fragmento do poema da peza O Aire das Acacias