miércoles, 16 de marzo de 2011

ESTREA


Presentamos Aneis o vindeiro xoves 24 de marzo ás 20.00h na Galería SCQ (Santiago de Compostela). A peza prodúcese co apoio do Centro Coreográfico Galego (CCG) dentro do Programa de Investigación Coreográfica.
Aneis é unha proposta na que a intertextualidade entre a danza e a poesía guía a creación escénica. A peza recorre O aire das acacias, derradeiro poema de Dentro do labirinto (Espiral Maior, 2009), coa que pecho unha serie arredor do libro. Aneis é unha curta sobre os amuletos da memoria, sobre a repetición continua dos recordos en fotogramas de películas antigas.

Branca Novoneyra (coreografía, interpretación e textos)/ Kirenia Martínez (asistencia coreográfica)/ Jesús Andrés Tejada e Isaac Garabatos (espazo sonoro e vídeo )/ Esther Taboada (foto).

domingo, 6 de marzo de 2011

UNHA LAGOA



No medio da peza unha lagoa. Unha frase de movementos aínda por decidir, un intre clave para a cohesión da proposta. Algo improvisado con demasiada forza que, cando intentamos pautar, creou unha sólida barreira. Quizais abandonemos o movemento proxectado e poidamos transformalo na ficha descuberta do xogo que queremos contar.

miércoles, 2 de marzo de 2011

O MEU VESTIDO


Destilada no aire
unha rama de mimosas
borda o meu vestido


O motivo da peza e do poema: un vestido... como decía a poeta Adília Lopes

Ah quem me dera um vestido
que me queimase

miércoles, 16 de febrero de 2011

UN ANEL CONCÉNTRICO

Temos un esqueleto, as partes e as transicións. Falla o tempo axustado no que cinguir os movementos nunhas guirnaldas fortes e elásticas como as do poema; ademais nos últimos ensaios atopamos unha instalación dentro da peza: un anel concéntrico cos obxectos que saen das conservas.

Longas ondas nas que afundir
nomes que o vento enterra
baixo ramas somnámbulas
escuras polo po
como bonecos de papel cinguidos
por guirnaldas de festas infindas

jueves, 10 de febrero de 2011

RAMAS


Longas ondas nas que afundir
nomes que o vento enterra
baixo ramas somnámbulas
escuras polo po...

As ramas riba dos vestidos nos plásticos

martes, 1 de febrero de 2011

MOTIVOS (II)





Os elementos constrúen activamente o espazo e dende o inicio mudan o movemento, o rítmo e a dinámica da peza. A necesidade de traballar con elementos, que non aparecera nin en Game Over nin en Nexus 6, xurdiu en Aneis directamente do texto. Todos eles atópanse presentes na corrente repetitiva de O aire das acacias e aparecen transformados na instalación escénica, "conservados" sempre en cristal ou plástico.